Para quen é a casa?
Quen pode gozar plenamente da estadía en Casa do Bico e por que?
Familias e Amigos
Parellas con ou sen fillos, familias completas e grupos de amigos que desexen experimentar o pracer dun tempo de paz, de sosego, de intimidade e de liberdade para vivir o momento ó ritmo que lles pete.
A casa ten moitas posibilidades para diferentes tipos de actividades en interior, pero a marabillosa contorna ofrece unha multitude de diferentes actividades na compaña da parella, dos pícaros, da familia ou dos amigos.
E incluso se prefires un retiro en soidade, Casa do Bico é unha excelente elección porque a desconexión está asegurada.
Amantes da Natureza, do Sendeirismo ou da Bicicleta de Montaña
Ó pé da porta xa a natureza invade ó camiñante e o primeiro paso abre diferentes posibilidades e diferentes sendeiros que percorrer.
Ben podes dar paseos preto da casa explorando e descubrindo a riqueza natural ou recollendo os froitos silvestres que a natureza pon ó alcance da man ou ben seguindo os diferentes sendeiros xeolocalizados que temos moi preto de Casa do Bico que ben podes percorrer a pé ou mesmo en bicicleta de montaña.
Amantes do avistamento e fotografía de paxaros
Os paxaros abundan na contorna e resulta doado escoitar o canto dos paporrubios, pardais, carrizos, cochorras… e no tempo de estío, primeiro ó cuco e despois ó ouriolo.
Para os amantes da fotografía de paxaros é unha contorna ideal para captar preciosas instantáneas das diferentes especies.
Grupos de Ioga e Retiro Espiritual
Os espazos que ofrece Casa do Bico son ideais para grupos que desexan practicar ioga nunha atmosfera de calma e en comuñón co corpo, a alma e a natureza.
Un lugar ideal para aquelas persoas que buscan a paz do espírito na intimidade que ofrece o illamento do día a día nun ambiente de paz e sosego.