A NOSA HISTORIA
QUEN DEU XEITO A ESTE PROXECTO
“Son andoriña das cortes,
lavandeira branca,
papuxa das amoras,
son pega rabilonga
e pega rebordá,
merla,
pardal das silveiras,
son curuxa das noites
e bubela das mañás“.
Luz Airado Bello en Instintos.
Esta é a Nosa Casa que
temporalmente será a túa
Situada no lugar de Ferrañol, un núcleo de sete casas, sen capela, sen praza, sen arquitectura salientable, no medio da ladeira da montaña que culmina na Pena da Hedra.
É unha casa de labranza que foi casa familiar desde hai máis de 150 anos. Era a casa vella da avoa Consuelo, de quen eu, propietaria actual, herdei o nome.
Vinculada ó uso agropecuario conserva aínda anexas dúas construcións dedicadas no seu día a palleira, portal e cortes do gando. Aquí a economía era de subsistencia, coma a de toda a montaña e vivían da agricultura e a gandaría de animais de carne.
En lembranza dese uso agro-gandeiro vense dúas manxadoiras na entrada do curral, onde o forno do pan. Neses ocos abertos na parede comían dúas parellas de animais de tiro mentres descansaban das faenas de carreto agrícola. E noutros puntos dos portais aparece o recordo á coelleira e o poleiro, hoxe reconvertido en gateira para o inquilino animal (o gato Ron) que entra e sae libremente. A casa estivo habitada ata 1970 e con uso agropecuario ata o ano 2000.
POR QUE DO NOME?
Casa do Bico porque é como popularmente se nomea a casa da parte de arriba do núcleo. É a primeira chegando dende a fonte. Na aldea outras casas reciben o nome de casa do Toxal, da Reboleira, de Baixo, de Carballo, do Cuarto e da Cociña.
O Bico é como se coñece ó peteiro dos paxaros, e así desvelamos o segundo motivo que inspira o nome. Os paxaros abundan na contorna e resulta doado escoitar o canto dos paporrubios, pardais, carrizos, cochorras,… e no tempo de estío, primeiro ó cuco e despóis o ouriolo.
Finalmente, a terceira acepción do nome é o beixo, o ósculo, que é unha mostra de amor e representa, dalgún xeito, o agarimo que puxemos na rehabilitación da casa que tantos recordos nos trae.
Tes a liberdade de facer a lectura do nome que mellor che veña, e incluso a que che inspire. Oxalá a aproveites tanto como a gozamos nós.
CRES QUE É UNHA BOA OPCIÓN?
Se cres que a Casa do Bico cumpre coas túas expectativas, preme no botón para facer unha solicitude de reserva.